Páxina de encontro do movemento memorialístico galego
Iniciativa Galega pola Memoria
  • Novas
    • Verdade >
      • O dereito a saber, a liberdade investigar
    • Xustiza >
      • Encontro da IGM co relator da ONU
      • Informe do Relator especial da ONU Pablo de Greiff sobre o Estado Español en materia de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición
    • Reparación >
      • Nomes
    • Non repetición >
      • Manifesto de Montecubeiro contra a apoloxía do franquismo
  • Principios
  • Actos
    • Listaxes e Memorial
    • Historia do memorialismo galego
    • Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo >
      • 2006
      • 2007
      • 2008
      • 2009
      • 2010
      • 2011
      • 2012
      • 2013
      • 2014
      • 2015
    • Desagravio ás vítimas do franquismo en Montecubeiro
  • Adhesións
    • Persoas
    • Entidades
  • Opinión
  • Recursos
    • Audio
    • Ligazóns
    • Fotos >
      • San Simón
    • Publicacións
    • Vídeos

A illa de San Simón acollerá o vindeiro domingo, 16 de xullo, a homenaxe nacional anual ás vítimas do franquismo

7/10/2017

6 Comentários

 
Imagem
A illa de San Simón acollerá o vindeiro domingo, 16 de xullo, a xornada en homenaxe ás vítimas do terror franquista que cada ano organiza a Iniciativa Galega pola Memoria coincidindo coa data en que tivo lugar o golpe de Estado. 
Preto de catrocentas persoas xa contactaron cos colectivos agrupados na Iniciativa para reservar praza nos barcos que, desde ás nove e media da mañá, partirán do porto de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa, para cubrir o traxecto ata a illa. Como sempre, a xornada terá un carácter reivindicativo e neste 81 aniversario do golpe fascista estará dedicada aos cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron nas distintas cidades de Galiza para confinar ás persoas que defenderon a legalidade republicana: San Simón, Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo, Celanova…
O acto central da xornada será ás doce do mediodía na illa de Santo Antón e contará coa intervención da escritora Susana Sánchez Arins. 

Acto reivindicativo nun lugar emblemático
A illa de San Simón é todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo. 
Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e un terror que tiña como expresión máxima as sacas nocturnas. A pesar disto, o actual goberno galego desmantelou a política de memoria que se iniciara no ano 2006 neste lugar simbólico coa súa declaración como Illa da Memoria por parte do bipartito que ademais puxo en marcha, da man dos colectivos, numerosas actividades de homenaxe e difusión relacionadas coa recuperación da memoria histórica das vítimas do franquismo.
Todas estas iniciativas foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando incluso a cambiar a denominación de illa da Memoria por illa do Pensamento. A partir dese momento foi a Iniciativa Galega pola Memoria a que tomou as rendas da organización da Homenaxe Nacional, á que sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e tamén de reivindicación.
Así, o acto do 16 de xullo servirá para reivindicar unha vez máis a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos e particularmente ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, o que obrigatoriamente debe ir aparellado coa derrogación da lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas. Tamén, que se recupere a denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, converténdoa de novo en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que se desenvolva un programa anual de actividades centradas nesta temática.
6 Comentários

A Iniciativa Galega pola Memoria rexeita a equiparación de vítimas e verdugos en actos como o aprobado pola corporación de Cerdedo-Cotobade

7/3/2017

3 Comentários

 

A IGM cree que tras 40 anos de ditadura, e outros 40 nos que nas institucións predominou a desmemoria, asistimos a un novo castigo “oficial” ás vítimas:  a perpetuación do discurso franquista baixo a apariencia de homenaxe “neutral”

Imagem
“Que unha corporación local pretenda equiparar a quen provocou unha ditadura de corenta anos con quen defendeu os dereitos e as liberdades parécenos unha nova burla ás vítimas do fascismo español e ás súas familias”, di a IGM, que conta para a denuncia co respaldo de familiares das vítimas dese concello

Pontevedra, 29 de xuño de 2017.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa colectivos de toda Galiza, quere amosar o seu total rexeitamento a actos que supoñan a equiparación das vítimas do franquismo e os seus verdugos, como o que vén de aprobar en sesión plenaria a corporación municipal de Cerdedo-Cotobade para Ponte do Barco-Pedre. 
Ponte do Barco-Pedre é un lugar de represión franquista e un símbolo da memoria democrática galega. No ano 2006 colocouse alí un monolito que lembra o asasinato, o 13 de agosto de 1936, dos sindicalistas da CNT de Cerdedo Francisco Arca e Secundino Bugallo. Promovido pola asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido e sufragado por suscrición popular, o monolito foi obxecto de numerosas agresións fascistas e restaurado e reposto en diversas ocasións pola entidade. 
Ao seu carón celébrase desde hai anos, e por iniciativa popular, unha convocatoria na memoria das persoas que sufriron a represión franquista, mais no último pleno da corporación que preside Jorge Cubela aprobouse por unanimidade apropiarse do acto en cuestión, para, a partir deste ano, convertelo nunha “homenaxe formal a todas as vítimas”, deturpando o seu sentido e finalidade, e obviando incluso as recomendacións que ten feito o relator especial da ONU para este tipo de actuacións. 
O acordo xurdiu dunha moción socialista enmendada polo Partido Popular de tal xeito que vén a perpetuar o discurso franquista de dous bandos equidistantes enfrontados, sen facer distinción entre as persoas que foron asasinadas por defender a legalidade republicana e as que apoiaron un golpe de Estado que na Galiza non derivou en Guerra Civil senón nun brutal xenocidio que custou a vida a máis de cinco mil persoas e condenou a moitos milleiros ao agocho, o cárcere, o exilio, o ostracismo, a depuración laboral e unha morea de torturas. Crear un novo marco de homenaxes carentes de contexto ou que o terxiversan supón un total descoñecemento da memoria democrática ou o que é peor, unha total incoherencia política.
Parece esquecer o acordo que a realidade é que todas as persoas asasinadas no territorio galego defendían as liberdades e que todas as que morreron no campo de batalla tamén son vítimas dun golpe de Estado: o dado en xullo de 1936 por parte da xerarquía militar, co apoio do capital e a igrexa cómplice, para pór freo aos avances sociais que na loita contra a desigualde ía dando a II República. Que unha corporación local pretenda equiparar a quen provocou unha ditadura de corenta anos con quen defendeu os principios democráticos que dita corporación debería representar, parécenos unha nova burla ás vítimas do fascismo español e ás súas familias, máis aínda cando tal decisión, que muda por completo o contido do acto e do monumento, tómase sen ter en conta ás familias das vítimas.
Tras corenta anos de ditadura, e outros corenta no que nas institucións oficiais predominou a desmemoria, asistimos a unha nova ofensa ás vítimas, que a día de hoxe aínda non foron recoñecidas xurídica e socialmente como tais: a perpetuación do discurso franquista baixo a apariencia de homenaxe “neutral”. Pero a neutralidade é contraria á memoria, equipara a vítimas e verdugos e, neste caso, pretende substituír unha verdadeira homenaxe aos defensores da legalidade republicana cun acto no que se lles xunta cos seus represores ou con outros partidarios dos golpistas falecidos na contenda, que, por certo, xa foron homenaxeados e reparados dabondo polo réxime de Franco. Só é memoria o relato da verdade, e calquera formación política que ampare acordos como o de Cerdedo Cotobade non fai máis que converterse en cómplice da perpetuación da aldraxe.
Teñen tan claro que non apostarán pola memoria que especifican no acordo que non darán nin un céntimo de euro para sufragar a suposta homenaxe. E o que é peor, néganse a retirar os honores ao ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, a pesar de que dous xulgados xa dictaminaron que non hai ofensa ningunha en incluílo entre os responsábeis da barbarie. En definitiva, lonxe de honrar a memoria, o acordo da corporación de Cerdedo ampara a impunidade dos autores das represalias e perpetúa o abandono das familias esquecidas. 
A Iniciativa Galega pola Memoria lamenta que desde organismos oficiais se fomenten actuacións deste tipo no canto de apoiar as homenaxes que veñen facendo as familias e as asociacións de memoria desde hai anos, e por iso prega ás agrupacións políticas que o consentiron, un cambio de rumbo.
3 Comentários

O documental da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) chega a Galiza

5/25/2017

0 Comentários

 

Proxectarase en Pontevedra, Gondomar e A Estrada e contará coa presenza das autoras

Imagem
O Concello de Pontevedra, en colaboración coa comisión pola memoria histórica "Sempre con vós. Cidadanía pola verdade", xunto co "Instituto de Estudos Miñoranos" de Gondomar e a "Asociación Cultural Vagalumes" da Estrada traen a Galiza o documental "A Guerra também foi nossa", unha reportaxe da Radio e e Televisão de Portugal sobre a historia dos portugueses represaliados por Franco na guerra civil española. Proxectarase nos tres concellos entre os días 30 de maio e 1 de xuño, contando coa presenza das autoras.

A guerra civil tamén marcou para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Cidadáns que vivían preto da fronteira ou traballaban en varias rexións españolas, víronse atrapados no conflito. Cando estalou a guerra en 1936 había 30000 portugueses emigrantes no Estado Español, constituíndo a comunidade estranxeira máis numerosa. Tres anos despois, a represión afectou só na Galiza a 370 veciños portugueses, constatando o asasinato de 68 persoas.

Na reportaxe "A guerra também foi nossa", a RTP conta historias inéditas de portugueses que, a pesar de non teren ido á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas. Oitenta anos despois percorren a raia luso-española, da Galiza ao Alentejo, do Minho a Andalucía e rescatan as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra.

Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez.

Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago.

"A Guerra também foi nossa" é unha reportaxe da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Conta coa colaboración e asesoramento do investigador Dionisio Pereira, quen estará presente e varias das proxeccións.

A calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos "Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores", na categoría de mellor programa de información televisiva. 

Calendario de proxeccións:
  • Pontevedra, martes 30 de maio ás 20:30 horas, no Arquivo Provincial (Rúa Pai Amoedo, 1), con Dionisio Pereira e Xosé Álvarez Castro
  • Gondomar, mércores 31 de maio ás 20:30 horas, na aula de cultura de Ponte de Rosas, con Xilberte Manso, vicedirector do IEM, e Antonio Arauxo Quintas, tenente alcalde de Gondomar e neto de Abilio Araúxo, asasinado en San Xián (O Rosal)
  • A Estrada, xoves 1 de xuño ás 20:30 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME),  con Dionisio Pereira
0 Comentários

SOBRE-VIVENCIAS: As consecuencias do golpe de Estado do 36, hoxe

3/27/2017

0 Comentários

 
Imagem

V Xornadas da Memoria Histórica

28 e 31 de marzo e 1 de abril de 2017
Casa da Luz (praza da Verdura) - Pontevedra
Programa
Martes 28 de marzo
20:30 h. O espolio do Pazo de Meirás. Unha historia de abusos e corrupción
Conferencia de Carlos Babío, investigador, e Manuel Pérez Lourenzo, historiador
Venres 31 de marzo
17:00 h. O que puido ser e o que somos
•    Xosé Álvarez Castro, profesor, historiador e investigador. As sociedades agrarias e o ensino da República
•    Encarna Otero, profesora, historiadora e investigadora. A muller na República, no franquismo e hoxe
•    Luís Bará, Concelleiro de Patrimonio Histórico. A pegada do franquismo no territorio e a paisaxe: os encoros, o monte e as infraestruturas
18:30 h. A transmisión da represión franquista hoxe, faladoiro moderado por Montse Fajardo. Coa participación de:
•    María Lores, veciña de Pontevedra, neta dun sindicalista asasinado no 36
•    Susana Sánchez Arins, profesora e escritora, autora do libro "Seique"
•    Esther F. Carrodeguas, xornalista e escritora, autora da obra teatral "Voaxa e Carmín"
•    Julia Lago, participante no documental "A pegada dos avós"
Sábado 1 de abril
10:30 h. O rostro e o rastro da violencia (1939-2017)
Conferencia de Anna Miñarro, psicóloga clínica e psicoanalista
12:00 h. Franquismo sem Franco. Pervivéncias do espírito da ditadura na sociedade democrática
Conferencia de Carlos Velasco Souto, doutor en Xeografía e Historia e escritor.

* Inscrición no correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.gal indicando nome, apelidos e teléfono
0 Comentários

Homenaxe aos fusilados de Ordes. 80 Aniversario

1/21/2017

0 Comentários

 
Imagem
0 Comentários

A pegada da memoria en Vilagarcía

1/21/2017

0 Comentários

 
Imagem
0 Comentários

Homenaxe aos que defenderon a liberdade en Marín

12/25/2016

0 Comentários

 
Imagem
Como cada mes de decembro, na vindeira semana terán lugar os actos en lembranza das persoas que defenderon a liberdade frente á represión franquista.
O venres, día 30, ás 20:00 h na Biblioteca Municipal, proxectarase o documental "Camilo, o último guerrilleiro de Galicia", realizado Alba Sánchez, Juan Pirola, Miguel García e Pedro Iglesias, catro estudantes de Comunicación Audiovisual, que nos acompañarán para falarnos deste proxecto en torno á figura do guerrilleiro antifranquista Camilo de Dios.
O sábado 31, no Paseo Marítimo Antonio Blanco, ás 13:00 h., será o acto central, coa intervención do pintor e poeta marinense Antón Sobral. Farase a tradicional ofrenda floral e contaremos co acompañamento musical do cantautor Samu Acuña e a agrupación Os Amigos Gaiteiros.
0 Comentários

A represión franquista contra a loita agraria e obreira

12/16/2016

0 Comentários

 
Imagem
Con motivo do 80 aniversario dos asasinatos da Casa da Torre (queima do alboio na que o 12 de decembro de 1936 os civicos e garda civil mataron a Manuel Gómez Corbacho e a Manuel Méndez Montes) e do posterior fusilamento o 14 de decembro dos propietarios da casa refuxio (Ramón e Consuelo Acuña) e de Elvira Lodeiro (compañeira de Gómez Corbacho) o 19 de decembro, o concello de Pontevedra organiza mañá sábado 17 de decembro unha homenaxe colectiva ás vítimas da represión franquista na parroquia de Salcedo, co seguinte programa:
  • 11 h Salcedo, no lugar da Ruibal (acceso á Torre). Na estrada que sube desde Mollavao á Chamusca. Percorrido por lugares da memoria e descubrimento dun panel de homenaxe ás vítimas e ás súas familias. Intervencións de Pepe Álvarez Castro e Montse Fajardo. Actuación musical de Óscar Ibáñez Trío
  • 11.45 h. No cemiterio parroquial de Salcedo. Ofrenda de flores, candeas e música e intervención de representantes de familias.
  • 12.15 h. Na Casa Verde, centro social paroquial. Proxección audiovisual, intervención de representantes de familias e actuación musical de Óscar Ibáñez Trío.
0 Comentários

Homenaxe pública en Arbo ós asasinados no 1936

12/15/2016

0 Comentários

 
Imagem
A veciñanza de Arbo, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e a Iniciativa Galega pola Memoria, 

CONVIDAN 
Homenaxe Pública, o domingo día 18, a  Joaquín Antonio Álvarez Álvarez, Juan Alonso Pérez, Telmo Rodríguez Alonso, Alfonso Alonso Portugués, Amadeo Álvarez Fernández e José Gómez Sampayo, asasinadas en 1936
Co seguinte programa
11.00. Recepción das familias e participantes en Casa Cruceiro (Barcela)
11.30 En Barcela (Arbo). Colocación e levantamento da placa 
Intervencións de: 
Representante do Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo
Carmen García-Rodeja, en representación da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.
Manuel Igrexas Rodríguez. Profesor e Investigador. Lalín
Familiares das vítimas.
Xesús Alonso Montero. Escritor e Presidente da Real Academia da Lingua.
Solta de “6 pombas”como mostra dos valores de xustiza, igualdade, liberdade, democracia e paz que eles defenderon sempre durante as súas vidas.
Pezas musicais a cargo de Abraham Carrera, violinista, e de músicos da A.C. Barca de Loimil.  
12.45. No lugar do Urzal, Barcela, colocación e levantamento de unha placa conmemorativa na que foi a casa de Alfonso Alonso Portugués.
13.30. No lugar de Cabeiras, colocación e levantamento de unha placa conmemorativa na que foi a casa de Joaquín Antonio Álvarez Álvarez, o Roque. 

14.00. Xantar de confraternidade. 
Leranse as adhesións de apoio ao acto. Os familiares, representantes da cultura e da sociedade, ou calquera veciño ou veciña poderá facer uso da palabra para expresar os seus sentimentos. 
Procederase á entrega de Diplomas Conmemorativos ás familias das vítimas.
Exposición de fotografías, textos e documentos relativos ao acto de homenaxe.
É necesario inscribirse para acudir ao xantar. Custe: 25 euros. Para confirmar asistencia no teléfono 645.950.599 ou no email  memoria.historica.arbo@gmail.com  . 
Rógase realizar o pagamento na conta     ES24 1491 0001 212121145524
0 Comentários

A Iniciativa Galega da Memoria inicia unha campaña para que os rexistros civís inclúan a causa da morte das vítimas do golpe do 36

11/13/2016

0 Comentários

 
Imagem
A proposta, bautizada “Cané” en memoria do orfo do pontevedrés Ramiro Paz, que loitou toda a vida porque se recoñecera ao seu pai como asasinado, busca acabar coas mentiras das hemorraxias internas e que se recolla como falecidas ás persoas que seguen desaparecidas tras 80 anos

O ente, que agrupa a asociacións de memoria de toda Galiza, celebrou o sábado na Deputación, coa presenza de Xosé Leal, unha xuntanza extraordinaria onde volveu denunciar a nula política de memoria de Xunta e Estado e fixou as liñas de actuación en prol dos dereitos humanos das vítimas para 2017


Impulsar unha campaña a prol da verdade nos rexistros de defunción das persoas asasinadas polo fascismo tras o golpe de Estado de 1936 é unha das actividades que a Iniciativa Galega para a Memoria (IGM) porá en marcha no ano 2017. Así se decidiu nunha xuntanza de traballo extraordinario que o organismo, formado por asociacións de memoria de toda Galiza, mantivo o pasado sábado, 12 de novembro, na Deputación de Pontevedra, coincidindo coa celebración no organismo pontevedrés dun acto de recoñecemento e reparación a dirixentes e persoal traballador.

No encontro, que contou coa presenza do deputado de Cultura Xosé Leal, a IGM marcou as liñas de actuación comúns para o 2017 e fixo balance do labor realizado ao longo do presente ano.

Entre o primeiro obxectivo destaca a campaña nos rexistros que persegue que nos certificados de defunción figure a causa real da morte en lugar dos actuais eufemismos macabros: “hemorraxia interna”, “destrozo cerebral” ou “acción de guerra”. Esta iniciativa levará o nome de Proposta Cané en homenaxe a Isidro Paz, fillo do impresor e concelleiro pontevedrés Ramiro Paz, fusilado polo fascismo o 12 de novembro de 1936. Isidro Paz, Cané loitou ata a súa morte para que no documento de defunción do seu pai puxese que foi fusilado en lugar de morreu por hemorraxia interna, como segue rezando actualmente. A proposta aprobouse no día en que se cumpría o 80 aniversario do fusilamento de Paz, xunto a outros nove dirixentes pontevedreses. Ademais se buscarase que se certifique a defunción das persoas que seguen como “desaparecidas” ao non recuperarse nunca os seus corpos. Por exemplo, as fondeadas polos fascistas na ría de Vigo.


Lugares da memoria e da vergoña

Outra das actividades previstas polas asociacións é a realización ao longo de 2017 do Mapa da memoria e da vergoña, tanto en versión na web como en papel. Este mapa recollerá a memoria dos lugares de represión, de resistencia, de solidariedade e de homenaxe ás vítimas. E tamén os espazos e lugares de vergoña onde oitenta anos despois do golpe fascista, seguen persistindo os símbolos do franquismo. Basearase no labor de recollida e documentación realizado polas asociacións e contará co apoio da Deputación de Pontevedra, segundo confirmou Leal.

A recollida e documentación realizarase por comarcas. Actualmente xa existen relacións de lugares de memoria nas áreas de Vigo, Val Miñor e Pontevedra.

Complementando o mapa, a Deputación de Pontevedra comprometeuse tamén a impulsar a sinalización informativa nos lugares da memoria. A idea é sinalizar cada lugar con un logotipo ou imaxe común que co tempo sexa facilmente identificábel e informar do acontecido nos lugares máis significados, como poden ser A Caeira en Pontevedra, a Volta dos Nove en Baiona ou o Pozo da Revolta en Marín, por pór só algúns exemplos, con paneis informativos e de homenaxe que teñan un deseño e materiais comúns, e no caso e non existir, a través de placas conmemorativas, que tamén manteñan a identidade corporativa da IGM.

Tamén foi importante o compromiso de colaboración amosado pola Deputación no ámbito da edición, a través da posta en marcha dunha colección de publicacións da memoria, na que as asociacións poidan editar textos memorialísticos (Diarios, memorias, biografías, estudos locais...) que teñen difícil cabida en editoriais comerciais. Unha colección que tamén levaría o logotipo ou símbolo que se elixa para a sinalización dos lugares da memoria.

O resto de liñas de traballo para o ano 2017 mantéñense en consonancia cos obxectivos fixados a principios deste ano na declaración de Vilaboa, e así, desenrolaranse accións encamiñadas a procurar apoio social e político a  varias demandas, empezando pola necesidade de esixir políticas públicas da memoria de carácter estatal e galego, na actualidade totalmente inexistentes. Unhas políticas que a IGM considera deben fundamentarse no respecto aos dereitos humanos e particularmente no respecto ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, empezando pola derrogación da lei de amnistía de 1977.

Ademais seguirase esixindo que se recupere a illa de San Simón como Illa da Memoria, a reactivación do proxecto Nomes e Voces e a divulgación e acceso aos seus fondos. A eliminación da simboloxía franquista nos espazos públicos, e o desenrolo de accións específicas a respecto dos elementos que poñen de relevo a connivencia e adhesión da igrexa católica ao xenocidio fascista.

A IGM manterá un novo encontro no mes de xaneiro de 2017 ao que, as distintas agrupacións que a compoñen levarán propostas concretas para empezar a facer realidade estas iniciativas.

Con respecto ao acadado no 2016, ademais  do traballo específico de cada un dos colectivos, as entidades participantes no encontro avaliaron positivamente os acordos plenarios aprobados por concellos e deputacións, a partir da proposta formulada pola IGM. Froito destes acordos, elimináronse honores, distincións e símbolos que seguían perpetuando a memoria franquista nas institucións locais e expresouse un compromiso coa recuperación da memoria histórica que debe ter continuidade no futuro, lamentando a nula existencia do obrigado compromiso ético coa memoria en Xunta e Estado.itar.
0 Comentários
<<Anterior
Seguinte>>

    IGM

    Iniciativa Galega pola memoria

    Memorial
    Entidades adheridas
    Imagen

      Contacto

    Enviar

    Feed RSS

VERDADE
XUSTIZA
REPARACIÓN
NON REPETICIÓN