Páxina de encontro do movemento memorialístico galego
Iniciativa Galega pola Memoria
  • Novas
    • Verdade >
      • O dereito a saber, a liberdade investigar
    • Xustiza >
      • Encontro da IGM co relator da ONU
      • Informe do Relator especial da ONU Pablo de Greiff sobre o Estado Español en materia de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición
    • Reparación >
      • Nomes
    • Non repetición >
      • Manifesto de Montecubeiro contra a apoloxía do franquismo
  • Principios
  • Actos
    • Listaxes e Memorial
    • Historia do memorialismo galego
    • Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo >
      • 2006
      • 2007
      • 2008
      • 2009
      • 2010
      • 2011
      • 2012
      • 2013
      • 2014
      • 2015
    • Desagravio ás vítimas do franquismo en Montecubeiro
  • Adhesións
    • Persoas
    • Entidades
  • Opinión
  • Recursos
    • Audio
    • Ligazóns
    • Fotos >
      • San Simón
    • Publicacións
    • Vídeos

A IGM amosa o seu total rexeitamento á colocación na Guía dunha escultura do Sagrado Corazón, símbolo utilizado polo  franquismo contra os valores democráticos

12/21/2020

0 Comentários

 
Imagem

Seguindo a loita iniciada pola Asemblea Republicana de Vigo, a Iniciativa critica que nun Estado aconfesional, Concello e Deputación financien con fondos públicos unha obra da Igrexa proxectada durante a ditadura
A plataforma entende que non se pode seguir amparando a veneración do que se considerou unha icona contra a democracia e o laicismo, porque iso significaría seguir incidindo no adoutrinamento da igrexa e no branqueo da represión

Pontevedra, 21 de decembro de 2020. A Iniciativa Galega pola Memoria, en consonancia coa loita posta en marcha pola Asemblea Republicana de Vigo, quere amosar o seu total rexeitamento á colocación na ermida do Monte da Guía dunha escultura xigante do Sagrado Corazón, símbolo claramente franquista e utilizado como icona da loita contra os valores democráticos e as persoas que os defendían. Para a IGM a obra é totalmente contraditoria coa recuperación da memoria e a vindicación das vítimas do franquismo, e por iso solicitan á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que lle retire os permisos.
Especial estupor provoca  que os traballos para a colocación dunha escultura na ermida do Monte da Guía, proxectados durante a ditadura pero paralizados polo seu alto custe, vaian ser finalmente financiados por dúas institucións democráticas e gobernadas por siglas que contaron na súa militancia con vítimas do franquismo: Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo, ás que, tal e como fixo a Asemblea mediante escritos a ambos, lles pide que se retracten e dean marcha atrás no proxecto.  Consideran totalmente incompatíbel cun estado aconfesional que se empreguen 100.000 euros nunha obra de motivo relixioso, e máis cando se escolleu unha advocación con clara implicación cunha ideoloxía contraria á que gobernos democráticos e de esquerdas deberían defender. 
Como xa fixo o colectivo vigués, desde a IGM lembran que o culto ao Sagrado Corazón nace a nivel europeo para facerlles fronte ao laicismo e á perda de influencia do catolicismo. A forte reacción da Igrexa contra os avances do pensamento democrático dáse no Estado Español desde principios do século, como contraposición, precisamente, aos resultados das eleccións xerais de maio de 1910, onde o PSOE no que militan os máximos representantes de ambas institucións, conseguía por vez primeira un escano. Dentro dese marco reaccionario, entronízase ao Sagrado Corazón como símbolo da loita e en 1919,  tras a revolución rusa, Alfonso XIII consagra todo o territorio a esta advocación, que logo sería usada polos golpistas para xustificar a cruenta represión no paraugas da loita  contra “o ateísmo”.
Máis alá do respecto ás crenzas relixiosas de cadaquén, as institucións democráticas non poden amparar a simboloxía utilizada polo franquismo para darlle lexitimidade a súa “cruzada nacionalcatólica”, non poden seguir amparando a veneración do que se considerou un símbolo contra a democracia e o laicismo, porque iso significaría seguir incidindo no adoutrinamento da igrexa e no branqueo da represión. Non é un símbolo relixioso sen máis, simboliza un pensamento reaccionario que as institucións democráticas non deberían financiar. 
Para a IGM non é escusa que a obra fose pensada por Palacios e Gómez Román, como nalgún medio apuntou a administración. Estamos no século XXI, nun estado aconfesional, e dentro dunha sociedade que maioritariamente defende valores democráticos e de liberdades, contrarios ao que esa imaxe simbolizará para sempre tras o golpe de Estado do 36. Ningún contexto será xusto se se retrotrae a períodos anteriores a el, obviando o sentimento das vítimas e as esixencias sobre a verdade, a xustiza, e a reparación esixíbeis a calquera sociedade democrática.
0 Comentários

A IGM considera “sangrante” que a Xunta utilice a figura de Emilia Pardo Bazán para tratar de agochar os crimes do franquismo

12/12/2020

0 Comentários

 
Imagem
Denuncia que quere facer como en San Simón, que deixou de ser illa da memoria co pretexto de crear un espazo para “o pensamento e á poesía” que ao final  se converteu nun parque de atraccións onde a memoria fica desaparecida
A plataforma cre que a mellor homenaxe que se lle pode facer á escritora feminista é denunciar os abusos dun réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos da muller
Pontevedra, 12 de decembro de 2020. A Iniciativa Galega pola Memoria considera “sangrante” que a Xunta de Galicia utilice a figura de Emilia Pardo Bazán para afastar de Meirás a memoria das vítimas, “nun novo intento de agochar os crimes franquistas, nesta ocasión baixo o perverso pretexto de apoiar dúas causas tan loables como o feminismo e a literatura galega, polas que, ademais, ata o de agora, non amosara demasiado interese”.  
A plataforma, que engloba a asociacións memorialísticas de todo o país, cre que o plan de usos presentado onte agocha un novo intento do goberno do Partido Popular por baleirar de significado un dos espazos máis simbólicos para a loita antifascista galega, como xa fixera coa illa de San Simón. Lembra que “cando Núñez Feijóo chegou ao goberno desmantelou o proxecto da ‘illa da memoria’ co pretexto de crear un espazo destinado ao ‘pensamento’ e mesmo á poesía, mais en realidade o que fixo foi converter o Lazareto nun parque de atraccións onde se realiza calquera actividade agás as destinadas á memoria, que practicamente se limitan a un acto ao ano e porque o organizamos desde as asociacións”.
Desta volta, denuncian, hai unha nova tentativa de utilizar a traxectoria de Emilia Pardo Bazán e a defensa da igualdade para anular a evidente relación de Meirás coa loita do pobo galego en pro da memoria histórica: “É unha proposta trampa para usar de forma perversa a escritora e a loita feminista en pro da igualdade –dos propósitos loábeis que nunca lle preocuparan a este goberno- para afastar a memoria de Meirás. Todos lles vale, primeiro foi a Illa do pensamento, dos poetas, dos piratas, de calquera cousa menos da memoria, e agora é o faro de Pardo Bazán, do feminismo, da igualdade, da literatura, da escritura,  de calquera cousa menos do que realmente é: un símbolo do espolio fascista e da loita contra a impunidade”.
Entende a IGM que a mellor homenaxe que se lle pode facer á Emilia Pardo Bazán é precisamente denunciar un réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos das mulleres como foi o franquista, e condenar un golpe de Estado que volveu relegar as mulleres ao papel de nais e esposas cando precisamente estaban empezando a adquirir dereitos como cidadás.
0 Comentários

A IGM agarda que se conte co movemento memorialístico para decidir os usos de Meirás, que deberían centrarse no estudo da represión e da loita contra o esquecemento

12/12/2020

0 Comentários

 
A plataforma subliña que foi un logro colectivo capitaneado pola CRMH da Coruña e os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo, responsábeis do estudo base do impecábel informe xurídico encargado pola Vicepresidencia da Deputación da Coruña e que foi soporte da demanda do Estado
Agarda que o exemplo da cidadanía galega calle no executivo estatal e acepte introducir melloras no anteproxecto da nova lei que posibiliten seguir avanzando na loita contra a impunidade franquista

Imagem
Concentración diante do xuízo pro devolución do pazo convocada pola CRMH da Coruña e apoiada pola IGM
Pontevedra, 9 de decembro de 2020. A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a colectivos de todo o país, agarda que se teña en conta o movemento memorialístico galego á hora de abordar os futuros usos do Pazo de Meirás, que deberían centrarse no estudo da represión e da propia loita contra o esquecemento.
A IGM lembra que este histórico día non tería chegado sen a importante mobilización social en pro da memoria democrática que desde hai vinte anos veñen realizando persoas como Manuel Monge, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e por iso espera que o seu exemplo calle tanto no goberno galego como no estatal e adopten de vez “unha postura firme que poña fin, sen medias tintas, á impunidade franquista”.
Neste senso, a plataforma apoia o comunicado (adxunto) que realizan colectivos memorialísticos de todo o Estado para pedir unha lei de memoria democrática que poña fin á impunidade franquista, a través, entre outras cuestións, da inclusión da declaración de nulidade da Lei de Amnistía de 1977 e da garantía da tutela xudicial efectiva para as vítimas do franquismo.
A IGM entende que o éxito do desafiuzamento de Meirás non sería posíbel sen o traballo realizado pola CRMH da Coruña así como polos investigadores Carlos Babío Urkudi e Manuel Pérez Lourenzo, cuxo inxente traballo serviu de base ao proceso iniciado pola Deputación da Coruña a través da súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, coa creación da Xunta Pro devolución do Pazo e a elaboración do impecábel informe xurídico base da demanda interposta polo goberno do Estado, tras os acordos auspiciados nese senso, entre outros, polo Parlamento galego, a Xunta de Galicia e os concellos de Sada e A Coruña. Por iso, pide que se siga traballando nesa liña de colaboración e se teña en conta ao movemento memorialístico e ás persoas especialistas na investigación da represión franquista á hora de decidir os futuros usos de Meirás,  que debe converterse na gran aula para o estudo da represión e o espolio que levou aparellados o franquismo, así como do propio proceso de recuperación da memoria, para poder poñer fin así, desde unha perspectiva crítica, ao silencio imposto na transición española, que como queda demostrado, non tivo nada de modélica.
O principio da fin da impunidade
A IGM agarda que a recuperación de Meirás sexa un punto de inflexión para por punto final á impunidade franquista. Consciente da cautela que supón estar ante un xulgado de primeira instancia, o organismo agarda que os tribunais responsábeis de dirimir os recursos da familia do ditador convertan en firme a devolución e avalen a fundamentada sentenza do xulgado coruñés que deixa ben claro “o entramado de complicidades que desde o inicio da Transición vén protexendo os intereses e os negocios da familia Franco” . Lembra que Meirás e só “a punta do iceberg” do espolio, polo que insiste na necesidade de investigar e recuperar todos os bens espoliados así como de aprobar unha lei de memoria histórica moito máis ambiciosa que serva para desmantelar todos os vestixios franquistas e acabar de vez coa impunidade. 
0 Comentários

A IGM rexeita en San Simón a permisividade co novo fascismo e lembra que a ultradereita non é unha ideoloxía senón a desaparición do pluralismo político

7/19/2020

0 Comentários

 

Homenaxe Nacional ás Vítimas do Franquismo en San Simón 2020

Imagem
“Toda alternativa política é lexítima dentro do respecto aos Dereitos Humanos e á defensa da igualdade de todas as persoas, titulares deses dereitos sen ningún tipo de exclusión. Dentro dese marco todo é discutíbel, fóra del só queda o fascismo fronte ao que ninguén debe facer concesións”, dicía o manifesto lido no acto da illa
En nome da IGM, Queta Molas e Telmo Comesaña tiveron unhas palabras de lembranza para Antonio Nores, Pepe Francés, Chato Galante, Elvira Varela Bao, Margarita Caballero, Argimira Sánchez Valado e Mariquiña Villaverde, que ata o seu pasamento mantiveron acesa a chama da memoria das vítimas do golpe
Redondela, 19 de xullo de 2020. Na voz do seu voceiro, Matías da Torre, a Iniciativa Galega pola Memoria rexeitou onte en San Simón “a normalización das forzas fascistas na nosa sociedade” e a “compracencia” coa que, ao seu entender, están sendo tratadas e pediu “a ilegalización deste tipo de organizacións”.
Nun acto marcado pola crise sanitaria, que obrigou a limitar a presenza na illa a unha trintena de persoas en representación do medio cento de colectivos memorialísticos que a compoñen, a IGM denunciou que “as leis vixentes contra o racismo, o machismo, a homofobia e outras formas de discriminación, son burladas constantemente por estes grupos fascistas baixo a escusa da liberdade de expresión e doutros dereitos que, precisamente, eles pretenden conculcar”. E, nese senso, alertan de que a ultradereita “perverte a linguaxe coa fin de furtar o debate e o contraste pacífico de pareceres ao baleirar os termos de contido para presentar aos opresores como oprimidos e así xustificar os seus ataques contra os máis débiles: as minorías, os excluídos, que son presentados como unha ameaza que debe ser erradicada”. En resumo, amósanse “como vítimas do autoritarismo da retórica do politicamente correcto para defender un totalitarismo auténtico e efectivo”.
Nun lugar tan simbólico para denunciar as consecuencias do fascismo como é o antigo lazareto de San Simón, a IGM amosou a súa preocupación polos “rebrotes que están a ter estas ideas” e pola “súa entrada nas institucións e diferentes gobernos do Estado”, que entenden non é casual senón froito da súa equiparación co resto de forzas políticas democráticas, “en función de intereses que van desde quen os apoia directamente ata quen irresponsabelmente os amosa para meter medo ou dividir o voto dos adversarios co fin de obter réditos electorais inmediatos. Porén-insisten- o fascismo non é unha ideoloxía máis senón que representa a eliminación de calquera outra ideoloxía e a supresión do pluralismo político: Non teñen outra proposta que a lei do máis forte e por iso a súa estratexia de crispación busca a confrontación para provocar un clima de violencia que lexitime, precisamente, o uso da forza”.
“Todas as alternativas políticas son lexítimas dentro do respecto aos Dereitos Humanos e á defensa da igualdade de todos os homes e mulleres que os fai titulares de tales dereitos sen ningún tipo de exclusión. Dentro dese marco todo é discutíbel, fóra del só queda o fascismo fronte ao cal ninguén debe facer concesión. Todo o espectro ideolóxico debe comprometerse no seu combate”, recollía o manifesto que concluíu parabenizando a Galiza por deixar VOX fóra de calquera institución e comprometendo o traballo da IGM na loita contra o fascismo a través “do coñecemento profundo do que este tipo de ideario supón”.
En memoria da loita pola memoria
A lectura do manifesto puxo fin ao acto anual, que este ano ademais de lembrar as vítimas do fascismo, quixo ter unha lembranza especial para “a memoria da memoria”, en concreto cara a persoas vinculadas co movemento memorialístico galego que faleceron nos últimos meses: Eran Chato Galante, membro de La Comuna, as coruñesas Elvira Varela Bao e Mariquiña Villaverde, da CRMH, Pepe Francés e Antonio Nores, da ARMH 28 de agosto de Cangas,  Argimira Sánchez Valado, Cachita, fundadora de Senhor Afranio, e Margarita Caballero Calleja da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.  O presidente desta entidade, Telmo Comesaña e a presidenta da ARMH de Marín, Queta Molas, tomaron a palabra no seu recordo en representación de todos os colectivos que compoñen a plataforma galega. O acto contou tamén coa intervención de Celso López Pazos, de CeAqua, Rosa García Alcón, vicepresidenta da Comuna, Xosé Antonio Chillón, da ARMH 28 de agosto e a viúva de Pepe Francés, Teresa Carbajo.
Como cada ano, o acompañamento musical correu a cargo dos Gaiteiros da Memoria que interpretaron o Himno de Riego, o Himno do Antigo Reino de Galiza e, tras a ofrenda floral ás vítimas ante a peza colocada no Ano da Memoria na illa pequena, a de San Antón, o Himno Galego, que serviu de peche.

Manifesto da IGM: Fascismo Nunca Máis!

A Iniciativa Galega pola Memoria manifesta a súa repulsa pola compracencia coa que se está a tratar ás forzas fascistas e condena a súa normalización na nosa sociedade. Demandamos a ilegalización deste tipo de organizacións. As leis vixentes contra o racismo, o machismo, a homofobia e outras formas de discriminación son burladas constantemente por estes grupos baixo a escusa da liberdade de expresión e doutros dereitos que precisamente eles pretenden conculcar. Amósanse como vítimas do autoritarismo da retórica do politicamente correcto para defender un totalitarismo auténtico e efectivo. Perverten a linguaxe co fin de furtar o debate e contraste pacífico de pareceres ao baleirar os termos do seu contido e presentando aos opresores como oprimidos para así xustificar a represión dos máis débiles, das minorías, dos excluídos, que son presentados como unha ameaza que debe ser erradicada.
Os rebrotes que están a ter estas ideas e a súa entrada nas institucións e diferentes gobernos do Estado non son espontáneas nin casuais senón que responden á sobrerepresentación que nos medios se lle deu a este tipo de voces e a súa equiparación coas demais opcións políticas, en función de intereses que van desde quen os apoia directamente por coincidir no seu programa até quen irresponsablemente os amosa para meter medo ou dividir o voto dos adversarios co fin de obter réditos electorais inmediatos. Porén o fascismo non é unha ideoloxía máis senón que representa a eliminación de toda outra ideoloxía e a supresión do pluralismo político.
Todos os idearios na súa aspiración ao seu trunfo teñen desenvolto nalgúns casos prácticas censurábeis, pero ningún como o fascismo fai desas accións precisamente a súa bandeira e a súa meta. Non teñen outra proposta lexislativa que a lei do máis forte. E por iso a súa estratexia de crispación busca a confrontación para provocar un clima de violencia que lexitime precisamente o uso da forza.
Todas as alternativas políticas son lexítimas dentro do respecto aos Dereitos Humanos e a defensa da igualdade de todos os homes e mulleres que os fai titulares de tales dereitos sen ningún tipo de exclusión. Dentro dese marco todo é discutible, fóra del só queda o fascismo fronte a cal ninguén debe facer concesións e contra o cal todo o espectro ideolóxico debe comprometerse no seu combate. Hoxe parabenizámonos que na Galiza a súa expresión partidaria, VOX, non teña presenza en ningunha institución. Mais non debemos baixar a garda.
Como organizacións memorialísticas que defendemos a verdade, a xustiza e a reparacións fronte ao que supuxo a concreción desta ideoloxía fascista no noso Estado a través do Franquismo, queremos achegar a nosa contribución a esta loita desde o coñecemento profundo do que este tipo de ideario supón. Por iso berramos: Fascismo Nunca Máis!
0 Comentários

O fascismo non é patrimonio

6/28/2020

0 Comentários

 

A Iniciativa Galega pola Memoria denuncia a paralización pola Xunta da retirada da simboloxía franquista da fachada do Instituto Santa Irene de Vigo

Imagem
Concentración da IGM en Pontecesures fronte ao "referendo" sobre a simboloxía franquista que fixo o Concello para xustificar o seu mantemento
A IGM, en todas as xuntanzas dos colectivos memorialísticos, ten acordado a erradicación de calquera simboloxía que enalteza o franquismo e exalte os seus crimes. Neste sentido debemos recoñecer que a nosa insistencia ten dado os seus froitos e temos acadado algúns avances, mesmo lexislativos. Mais logo de 45 anos da morte do ditador parécenos que xa non podemos aceptar máis escusas e moito menos a da defensa do Patrimonio, cando precisamente o franquismo se caracterizou ademais pola destrución sistemática de milleiros de bens materiais e inmateriais do noso pobo, e a persecución e censura da obra daqueles artistas disidentes co totalitarismo.
A chamada lei da Memoria Histórica (Lei 52/2007 de 26 de decembro) no seu artigo 15 establece que as Administracións deben retirar este tipo de placas e pon como única excepción o feito que poida haber “razóns artísticas, arquitectónicas ou artístico-relixiosas protexidas pola lei”. Esta lexislación, con ser tímida e o seu cumprimento desleixado, non pode ser  interpretada, por enriba, a favor de que o escudo franquista sexa considerado en si mesmo como valor histórico ou artístico, tal como fixo a Xunta de Galiza. Unha lectura deste tipo, que considera o emblema do réxime, como patrimonio, é un insulto ás vítimas do fascismo e ademais cobra especial gravidade ao estar a presidir un centro de ensino, no que debe educarse ao alumnado nos valores democráticos, tolerantes co plurarismo, pacifistas e solidarios contrarios ao que representa o franquismo. A defensa dos dereitos humanos nas aulas queda refutada polo que enxalzan no frontispicio. Pero lonxe de alegar o que representa o significado do brasón fascista, a miúdo quen defende a súa pervivencia acocha os seus verdadeiros intereses baixo desculpas coas que pretenden gañar unha opinión pública que non aceptaría os seus obxectivos. Pero estas evasivas non deben distraer a atención do fundamental: A eliminación da simboloxía franquista.
Esiximos da Xunta de Galiza que cumpra coa eliminación da simboloxía franquista no caso do Instituto Santa Irene de Vigo.
Imagem
0 Comentários

A Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e Iniciativa Galega pola Memoria chaman a participar na concentración a prol da devolución do Pazo de Meirás

6/28/2020

0 Comentários

 
Imagem

Fascismo Nunca Máis!
Fin da impunidade xa!

A comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña (CRMH), xunto con iniciativa galega pola memoria, chaman a participar na concentración a prol da devolución do pazo de meirás que terá lugar o vindeiro luns 6 de xullo, a partir das 8:30 h. da mañá diante do xulgado de primeira instancia da Coruña, onde se levará a cabo o xuízo contra a familia franco para que o Pazo de Meirás volva ao patrimonio público.

Día: Luns, 6 de Xullo.
Hora: A partir das 8:30 horas da mañá.
Lugar: Xulgado de Primeira Instancia Nº 1. (Rúa Monforte, s/n (Edif. Xulgados). 15071. A Coruña)
  • O espolio non pode quedar impune.
  • Que nos devolvan o roubado.
0 Comentários

A IGM e colectivos locais urxen ao Concello de Redondela a recoller nun Plan de Usos as actividades permitidas en San Simón, tal  e como lle esixe a lei  que regula os BIC

6/22/2020

0 Comentários

 
Imagem
O desleixo das administracións fai que sigan xurdindo actividades irrespectuosas coa memoria das vítimas e as súas familias, como o “Campamento Pirata” que a empresa Barafunda anuncia para a primeira quincena de agosto
A Xunta de Galicia, como responsábel última da illa, someteu San Simón a un total e nada inocente abandono que provocou que o calendario de actividades a realizar no BIC quedase marcado polos intereses comerciais de firmas privadas

Redondela, 22 de xuño de 2020. A Iniciativa Galega pola Memoria –co respaldo dos colectivos redondelás Asamblea Feminista Paxareta, Asociación Xente Titiriteira, Tanxarina Títeres e tamén a Asociación Cultural Alén Nós e o Colectivo Republicano de Redondela, os dous últimos integrantes da Iniciativa xunto con medio centenar máis de asociacións memorialísticas de todo o país–vén de presentar esta mañá no rexistro do Concello de Redondela un escrito dirixido á alcaldesa, Digna Rivas, para instar ao seu goberno a elaborar un Plan de Usos que estableza con claridade que actividades se poden levar a cabo na illa de San Simón, tal e como lle esixe a Lei 5/2016 do 4 de maio, que regula o patrimonio cultural de Galiza. A illa de San Simón está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) e a devandita lei establece no seu artigo 35 que “a declaración de interese cultural ou a catalogación de calquera ben inmoble obrigará os concellos no territorio dos cales se localiza a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación”, así como que  “o planeamento urbanístico establecerá un réxime específico que garanta a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo, cunha información detallada e unhas ordenanzas específicas que regulen as actividades e as intervencións compatibles cos devanditos valores culturais”.
A IGM e os colectivos redondeláns asinantes pretenden evitar que se sigan a realizar en San Simón actividades irrespectuosas coa memoria das vítimas e coas súas familias como o “Campamento Pirata” que a firma Barafunda quere celebrar no mes de agosto na illa que foi campo de concentración tras o golpe militar. (http://www.barafundaanimacion.com/campamento/). Un campamento pirata onde a rapazada vaia na procura do tesouro do Capitán Nemo no que foi lugar de tortura para centos de vítimas da ditadura franquista e, que segundo reza a publicidade, se leva realizando xa desde hai seis anos.
A IGM, que engloba a asociacións memorialistas de todo o país, leva anos loitando porque San Simón sexa declarada illa da memoria e porque as actividades que se realicen na mesma sexan respectuosas co recordo das vítimas e sirvan para dar a coñecer o que alí ocorreu tras o golpe de Estado de 1936. Mais  as administracións, e nomeadamente a Xunta de Galicia como responsábel última da illa, someteron a San Simón a un total e nada inocente desleixo que provocou que o calendario de actividades a realizar no BIC quedase marcado polos intereses comerciais de navieiras e outras firmas privadas.
Hai apenas uns días que a IGM volveu insistir, enviando a todos os partidos en liza o 12 de xullo, un decálogo de actuacións en pro da memoria democrática de Galiza que incluía a declaración de San Simón como illa da Memoria. Pero o anuncio do Campamento Pirata vén a demostrar que o traballo realizado durante estes anos pola sociedade civil non ten reflexo algún nas administracións que non só non orquestran actuacións para divulgar o pasado da illa senón que mesmo permiten a realización de eventos contrarios á dignidade das vítimas e que non fan sino desinformar sobre as propias características do Ben de Interese Cultural que están na obriga de manter. Basta como exemplo a inclusión de palmeiras no debuxo que da illa se fai na propaganda da procura do tesouro que, está claro, non é o tesouro da Historia de Galiza nin da memoria antifascista galega.
A ginkana pirata, que podería realizarse en moitos outros lugares do país que non tiveran a carga simbólica que ten para o pobo galego San Simón, é o último exemplo dun longo ronsel de mofa. O pasado novembro, asociacións e familiares de vítimas lograron paralizar unha festa de disfraces que unha empresa privada tiña previsto realizar na illa na noite de Defuntos pero a mobilización non serviu para que a Xunta varíe o rumbo e, por iso, a IGM pide ao Concello de Redondela que cumpra co establecido na Lei e aprobe un Plan de Usos respectuoso co pasado da illa como cárcere franquista que poña fin, de vez, ás arroutadas das empresas. Que recoñeza a San Simón como illa da memoria e aprobe un Plan cultural e educativo que vaia na procura da memoria e non de fins lucrativos ou turísticos. Un plan cultural sensíbel á altura histórica do que representa San Simón, que debe converterse nun punto de encontro entre xeracións baixo as premisas xustas da memoria histórica.
No escrito, a IGM pediu tamén que se tivese en conta ás asociacións e ás familias das vítimas na elaboración do plan e púxose a dispor do goberno liderado por Digna Rivas para axudarlle no que precise.

Iniciativa Galega pola Memoria, Asamblea Feminista Paxareta, Asociación Xente Titiriteira, Tanxarina Títeres, Asociación Cultural Alén Nós e Colectivo Republicano de Redondela
0 Comentários

Proposta da IGM ás candidaturas á Xunta de Galiza sobre verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición

6/14/2020

0 Comentários

 
Imagem
Desde as asociacións galegas de memoria histórica aglutinadas na Iniciativa Galega pola Memoria, aproveitamos o inminente inicio da campaña das autonómicas de 2020 para instarlles a incluír no seu programa electoral e a defender no Parlamento que elixan as urnas o vindeiro 12 de xullo, as reivindicacións do noso colectivo, que en liñas xerais serían as seguintes: 
  1. Aprobación dunha Lei de Memoria Histórica Galega fundamentada no respecto aos dereitos humanos; e particularmente ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e á Non Repetición, que amplíe os dereitos recoñecidos pola lei estatal ás vítimas do franquismo, e que inclúa a dotación de infraestruturas para axudar ás familias na procura de información e na solicitude das axudas que contempla a devandita lei, instando ao goberno central á súa recuperación e ampliación. Nese senso, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU, Pablo de Greiff, incluído o apoio á derrogación da Lei de Amnistía de 1977. Avogamos tamén pola nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior Ditadura, ate a aprobación da Constitución española no ano 1978.
  2. Aprobación dunha política pública de memoria e realización dun programa propio de actividades de investigación, divulgación e homenaxe ás vítimas do franquismo, que preste especial atención aos centros educativos,  coa inclusión na currículo dos distintos niveis educativos e o apoio á realización de materiais pedagóxicos adecuados sobre a historia recente, o golpe militar do 36, e as súas causas e consecuencias. 
  3. Reactivación e financiamento do Proxecto Universitario “Nomes e Voces” para a investigación e divulgación da represión franquista na Galiza, así como medidas tendentes a garantir a difusión pública de toda a información incluída no mesmo: imaxes, documentos escritos, gravacións... Apoio tamén ás actividades de investigación, divulgación e homenaxe que se leven a cabo no país e nomeadamente as que realizan as asociación de recuperación da memoria histórica.
  4. Adopción de medidas lexislativas que faciliten o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, ou insten ás autoridades responsábeis dos mesmos a facilitalo. Dotación de medios para a investigación, a clasificación e a divulgación dos fondos. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
  5. Declaración da Illa de San Simón como Illa da Memoria, e aprobación dun Plan de Usos que teña en conta o seu pasado como campo de concentración franquista e o seu carácter de BIC.. Demandamos que nas visitas á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de militantes republicanos, e que non se permita realizar na mesma actividades contrarias á memoria das vítimas.
  6. Respaldo a calquera medida, incluídas as xudiciais, que loite contra a impunidade do franquismo, ora recuperando bens espoliados, ora xulgando, tanto no ámbito internacional como dentro do noso territorio, as persoas vinculadas coa represión franquista, persoándose naquelas que afecten a vítimas galegas. Nomeadamente,  e como integrante da Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina CeAqua, a IGM solicita a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o réxime franquista.
  7. Erradicación en todo o territorio galego da simboloxía franquista ou de calquera elemento que lembre a ditadura e sexa ofensivo para as vítimas: nomes de rúas e prazas, monumentos, símbolos, honores e distincións...Vincular o investimento público destinado á restauración patrimonial (fontes, lavadoiros, …) á retirada da simboloxía franquista existente neles, incluíndo a restauración de igrexas, capelas ou calquera outro ben eclesiástico e facer un seguimento real do cumprimento na obra desta esixencia.
  8. Creación dunha Rede Galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común, e edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza onde se inclúan lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade e tamén foxas comúns, incluída a ría de Vigo, que é a maior foxa común de Galiza.
  9. Intervención pública nas labores de localización das foxas de enterramentos das vítimas do franquismo e no seu caso, das labores de exhumación, divulgando os resultados e elaborando un protocolo de actuación científica multidisciplinar para a identificación dos restos. 
  10.  Condena explícita da ditadura franquista e rexeitamento do fascismo e de calquera tipo de exaltación do mesmo. Illamento de calquera formación que ampare ou  branquee o fascismo.

Entendemos que, nestes tempos de rexurdimento do fascismo, a transmisión e a vindicación da memoria democrática galega é urxente e por iso agardamos que a súa necesaria defensa non fique fóra do traballo que a súa agrupación realice na vindeira lexislatura.

0 Comentários

Antonio Nores Soliño

5/28/2020

0 Comentários

 

In memoriam

Nesta primavera convulsa que estamos a vivir, o raio que non cesa ven de agostar a saiva das raíces desta árbore referente da arqueoloxía e memoria histórica de Cangas, da nosa comarca e de Galiza.

A transcendencia que desempeña a memoria na constitución da identidade é incuestionable. O psicanalista Castilla del Pino aseveraba “Somos memoria porque temos historia”, “Somos a nosa Memoria”. Cando se perde a memoria, cando se esquece o pasado do que se veu, a identidade dilúese, bórrase e pérdese. Sen memoria non hai identidade.

Antonio Nores Soliño sempre tivo a consciencia inquebrantable do que representa a identidade deste País. Arqueoloxía, Patrimonio material e artístico (Xunta de Montes, Muiño de Fausto, A Mangallona, Capela do Hospital,..), Idioma, República, Levantamento militar do 36,.. conformaron o seu cosmos vital xirando arredor del a súa actividade e pensamento.
Antonio é sinónimo de Memoria. Era e seguirá a ser un soñador, un loitador e un defensor desa identidade. Loitaba, defendía, e...sufría. Cada ameaza a un elemento do noso patrimonio (xacemento, petróglifo, monumento..), cada nova dunha actuación que conlevaba efectos sobre o mesmo, cada neglixencia das distintas administracións ou particulares, provocaba nel unha angustia e un desacougo que lle custaba dixerir. A impaciencia, que ás veces amosaba, era manifestación do seu estado de ánimo e da consciencia de urxencia á hora de tomar decisións de salvagarda do mesmo. Cada hora, cada minuto que se perdera en evitar o dano, era fundamental na súa conservación. Era o seu inmenso amor á memoria, demandando a aplicación da lei na súa defensa.

Mais era tamén un claro impulsor de campañas de promoción, exposicións, recuperación e posta en valor de elementos e construcións da nosa historia, como todas e todos coñecemos.
Nestas última décadas concentrouse fundamentalmente na Memoria Histórica dunha forma exhaustiva e absorbente. Sufría por cada caso de impunidade do franquismo, por esas vagas e tsunamis de corrupción, polos actos de xenocidio, pola falta de dilixencia ou atrancos na eliminación de simboloxía franquista,..
Por ese mesmo interese e implicación, dinamizou e formou parte do movemento asociativo a nivel municipal, comarcal e de país. Investigaba, publicaba, e continuaba pescudando na nosa historia máis recente na procura da verdade, xustiza e reparación.

Déixanos un exemplo que temos que continuar, un legado de publicacións e documentación que temos que ordenar e divulgar. Estamos na obriga de facelo. Organizar unhas xornadas de arqueoloxía e de memoria histórica co seu nome arredor da primavera, do abril republicano e do seu mes de nacemento; da creación dun Fondo Documental de Memoria Histórica na Biblioteca Pública co seu nome, dun acto de posta en valor do seu traballo ao longo da vida,..son deberes a facer.
Posta en valor do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, bases de datos da historia de Cangas da 1ª metade do S. XX, publicacións, artigos, promoción de actividade e monumentos, ..son as súas grandes aportacións. A eliminación da simboloxía franquista da igrexa do pasado maio 2019 foi unha grande alegría tras moitos anos da súa loita, da loita de todas e todos.

Do seu amplo e variado traballo artístico, fica na praza do Concello unha fermosa lembranza reflectida na peza escultórica do Memorial de Liberdade, obra da que foi promotor e autor.
Moito ánimo e forza para a súa esposa Matilde, o seu fillo Antón, a súa irmá Claudina, e a toda a familia e amizades.


“ Que o libre voo das pombas da paz / erga para sempre a memoria solidaria / das xentes xustas que o deron todo / pola liberdade e a xustiza. / Pombas, pombas, pombas!”
Claudio Rodriguez Fer


Cangas, 28 maio 2020 - AC. MH. 28 Agosto de Cangas

0 Comentários

Familias e colectivos de memoria califican de “indecente e insultante banalización do mal” o Samaín en San Simón e piden a Feijóo que o prohiba

10/29/2019

0 Comentários

 

“Cada rincón de la isla es un recuerdo mío” recollía a carta que José Mejuto escribiulle á familia antes de ser fusilado polos golpistas. A súa neta, Ana Paula Mejuto, mandouna desde Bos Aires para que a lese a actriz Mónica Camaño.

Imagem

O movemento memorialístico traballa para conseguir a denominación de San Simón como illa da Memoria e un plan de usos que evite a realización de actividades irrespetuosas coas vítimas e as súas familias

Imagem
Vilaboa, 29 de outubro de 2019.-  “Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho, a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre. Que cada rincón de la isla es un recuerdo mío”. Este foi un dos fragmentos da carta que José Mejuto, fusilado polos franquistas, escribiu á súa familia desde o cárcere de San Simón e que a súa neta, Ana Paula Mejuto, mandou desde Arxentina para que fose lido no acto que familias e colectivos da memoria celebraron esta tarde no porto de San Adrián de Cobres. Reuníronse alí para pedirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que impida que, “na illa que foi lugar de tortura para os nosos antepasados”, se celebre este xoves unha festa de Samaín, calificada no acto como “unha indecente e insultante banalización do mal”.
A carta de Mejuto foi lida pola actriz Mónica Camaño, condutora dun acto no que quedou patente o total rexeitamento dos colectivos de memoria galegos e as familias cara a unha celebración que consideran “unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror e que agora é utilizado como escenario para unha frívola festa de disfraces que se publicita, nunha sorte de mofa, como unha experiencia divertida de medo e terror.” Considera o colectivo que a illa, calificada como BIC; foi convertida nos últimos tempos “nun parque de atraccións explotado por empresas privadas para facer negocio. Un espazo no que ten cabida todo tipo de actividades menos, xustamente, as de memoria histórica”.
Con Camaño, tomaron a palabra no peirao de San Adrián de Cobres, para insistir na esixencia de que se respecte aos seus antepasados e se deixe de celebrar ginkanas e festas na illa, Carlos Casal e Enriqueta Otero.
Carlos Casal é veciño de Moaña, e tivo presos alí o seu avó, José Casal, e o seu tío Belarmino Casal. Ademais a súa avoa Casilda foi rapada. Desde o peirao, coa illa ao fondo, sinalou a casa familiar,desde a que a súa avoa e o seu pai, menor de idade entón, vían o lugar onde os tiñan retidos. Para el, organizar alí un acto como o Samaín “é mostra da escasa calidade democrática do noso país”.
José Casal escribiu durante a súa estancia neste cárcere e no de San Cristóbal, en Navarra, un diario que aínda permanece inédito. No acto, o seu neto contou que morreu cando el tiña 22 anos “e xamais o vin sorrir. O trauma que lle causou a represión foi total”.
Tamén Enriqueta Otero fixo unha lembranza do seu pai, Eduardo Otero Molas, e doutros veciños de Marín que estiveron presos no Lazareto. Entre eles o alcalde, Antonio Blanco, que foi fusilado o 31 de decembro de 1936. Molas, presidenta da asociación para a recuperación da Memoria Histórica desa vila, esixiu “respecto para todos aqueles que deixaron na illa o mellor da súa vida” e respecto para ese lugar desde onde, lembrou, partían moitos presos a “viaxes sen retorno mentres os compañeiros esperaban a súa quenda coa angustia das familias(…) Os que foron quedando non esqueceron nunca aos compañeiros”.
Reuníronse en San Adrián de Cobres máis de medio centenar de persoas, entre representantes de colectivos da memoria e familiares de presos. Tamén houbo quen enviou escritos de adhesión, como o asinado polo xornalista Fernando Salgado, cuxo avó, Pancho Varela, permaneceu na illa antes do seu fusilamento en Pontevedra, o 27 de xullo de 1937, na mesma data que José Mejuto.
“Ás cinco e media da mañá do día 27 de xullo, dous gardas veñen buscalo á cela do cuartel situado na Rúa Benito Corbal de Pontevedra. O pelotón de fusilamento está preparado no número 1 da Avenida Bos Aires. Sona a descarga e cinco anacos de chumbo poñen fin a os seus sonos”, escribiu Salgado.
Os colectivos anunciaron que máis alá do que ocorra o xoves,  seguirán traballando para conseguir a denominación de San Simón como Illa da memoria, e unha programación de carácter público centrada na memoria histórica democrática, cun Plan de usos do espazo que evite actividades que sexan ofensivas para as vítimas do franquismo e as súas familias.
Imagem
0 Comentários
<<Anterior

    IGM

    Iniciativa Galega pola memoria

    Memorial
    Entidades adheridas
    Imagen

      Contacto

    Enviar

    Feed RSS

VERDADE
XUSTIZA
REPARACIÓN
NON REPETICIÓN